Ao pensar en bebidas alcólicas, é probable que che veñan á cabeza a cervexa, o viño, o whisky… Case todas as persoas adoitan pensar o mesmo. Pero outras pensan en bebidas menos coñecidas ou máis arriscadas, e uns poucos pensan no hidromel. Sóache?
O hidromel é unha bebida alcólica derivada da fermentación dun mosto a base de auga, mel e fermento, cunha variación nas cantidades do alcol entre o 10 e o 12%, segundo a maioría dos autores, como apunta Orlando Martínez en La bebida de los dioses: hidromiel del bosque - apiarios del bosque.
O mel pode ser diluído en diferentes proporcións, dando lugar a variedades e sabores distintos de hidromel, con distinta graduación no alcol e dozura da bebida. Debido ás súas características naturais, e á falta dunha receta fixa, unha botella pode non ser igual á seguinte.
Ubicación do primeiro resto de hidromel, China
Imaxe interactiva. Curiosidades sobre o hidromel. Préme!
O hidromel é unha bebida que se consumiu en case todas as civilizacións do mundo. En África, por distintas tribus en zonas de Etiopía e Nixeria; en Asia, pola cultura chinesa e a hindú; en América, pola civilización Maya; e en Europa polos gregos, romanos, celtas, saxóns e normandos.
Aceptada como unha das bebidas alcólicas máis antigas, mesmo precedente á aparición do viño, consideráse que o hidromel se orixinou involuntariamente, probablemente debido á fermentación de mel almacenada nun tarro fusionada con auga de choiva. A testemuña máis antiga da presenza desta bebida data do ano 7.000 a.C. en China, nun tarro con restos de hidromel e froitas, aínda que non hai consenso no referente ás datas.
A referencia escrita máis antiga ao hidromel foi no Himno a Ninkasi (4.000 a.c), no que se expuña unha receita de como elaborar hidromel con auga, mel, dátiles, herbas, pasas e especias. Tamén aparece no Rig Vedá (1700-1100 a.C.), un dos libros máis antigos da tradición védica e en calquera lingua indoeuropea. Crese que foi composto pola zona de Pakistán, o que evidencia a existencia da bebida nesa área.
Sociedades como a grega, a celta, a bárbara, ou a vikinga utilizaron o hidromel como unha bebida cerimonial, moitas veces asociando este produto á inmortalidade e á vida posterior, sendo tamén empregado en antigos ritos para buscar a fertilidade nas parellas. Probablemente a súa concepción máxica se deba a isto.
Durante a idade de ouro da antiga Grecia, dicíase que o hidromiel era a bebida preferida de Aristóteles (384-322 a. C.), que discutiu sobre iso nas súas obras. Na mediciña hipocrática xa se aplicaban remedios relacionados co hidromiel, xa que defendían que cumpría unha función beneficiosa para a saúde, purificando o corpo: “esbozaran unha sorte de proto-fármacodinamia, a través da cal pretendía explicar o modo de acción dos medicamentos {...}. Entre as substancias máis usadas para estes fins atopamos o hidromiel (mel con auga) ou a oximel (mel con vinagre)”, entre outras. Así o recolle Juan Carlos Alby en La concepción antropológica de la medicina hipocrática.
Pensas, despois disto, que a hidromel pode ser máis saudable que outras bebidas como a cervexa?
Podes resolver esta dúbida no apartado Panorama Actual: É saudable?
A presenza desta bebida é máis común no norte de Europa, tendo un presenza moi marcada na súa mitoloxía. Así o recoñece Irene Outeda, propietaria de Hidromiel Fenrir.
Nesta cultura, o hidromel era visto como unha fonte de inspiración poética e unha porta cara o coñecemento e a sabiduría. É ademais unha bebida moi mencionada nos cantares épicos nórdicos. Na cultura celta e anglosaxona existen evidencias do hidromel en obras como o Taliesin, Mabinogion ou o Beowulf.
Non temos que facer moitos quilómetros ata atoparnos con vestixios do consumo do hidromel nas sociedades que habitaron as nosas terras hai miles de anos.
Sen ir máis lonxe, no xacemento galaicorromano de Agro de Ouzande (Silleda), documentado por Roberto Fernández, Xurxo Vila e M. Prieto - Martínez en Arqueología en la ACEGA 1, tense atopado un obxecto liso e feito á man, cun residuo interpretado como mel ou hidromel. Hai constancia dun achado similar no xacemento de A Forxa, en Ourense.
Non temos moita simboloxía no territorio español que faga referencia ao hidromel. Na maioría dos escasos achados de hidromel, podemos atopar cuncas, pezas de cerámica ou pinturas rupestres, pero é moi complexo verificar que garden relación directa co hidromel.
Saímos de Galicia. A nosa parada máis próxima é en La Calzadilla (Almenara de Adaja, Valladolid), onde se atopou un pequeno obxecto ricamente decorado. Contiña residuos de hidromel, cebada, e cera de abella; aínda que non se puido concretar “si responde a su empleo como impermeabilizante del recipiente, como producto allí recogido, o si evidencia restos de la presencia de miel", documentado por Miguel Ángel Bremez e outros en Hidromiel en contextos de la antigüedad.
Seguimos coa mesma sorte cun recipiente procedente dunha ocupación habitacional baixo o túmulo do dolmen de Azután (Toledo), datada cara ao 4000 a.C., ou á necrópole das Rodas, datada entre os séculos IV ao I a.C. Grazas ás análises realizadas sobre os residuos atopados, a modo de ofrenda en diversos rituais, atopáronse restos de hidromel, entre outros produtos.
Mapa interativo. Préme para coñecer os restos de hidromel que existen no mundo!
O consumo de hidromel comezou a diminuír arredor do século XV debido, sobre todo, á introdución do cultivo da vide, que permitiu a elaboración dunha nova bebida alcólica, o viño. Esta bebida resultou ser moito máis rentable, debido á grande cantidade de uvas que se podían sacar de cada vide, en contraste coas dificultades que supuña conseguir mel.
Durante a Idade Media tamén se incrementou a produción de cereal, a base da cervexa, que a partir dese momento tamén iría ocupando o lugar que ata entón estaba reservado para o hidromel.
Por outra banda, a importación do azucre desde América xa nos séculos XVII e XVIII tamén afectou ao progresivo abandono da bebida, xa que este ingrediente substituiu ao mel como edulcorante. A merma da produción de mel viaxa en paralelo á produción de hidromel.
O abano de opcións que na actualidade a poden substituir fan que non sexa un produto popular no noso país a día de hoxe. Con todo, o seu característico sabor doce podería ser unha alternativa ao clásico vermú que acompaña aos aperitivos nas reunións familiares.
QUERES CONTINUAR?
Selecciona o seguinte bloque ao que queres ir
Visión de Futuro
Descoñecemento por parte do consumidor, falta de lexislación, problemas ambientais... Moitos son os problemas que dificultan a estabilidade do hidromel no mundo, pero o traballo dos productores e das distintas asociacións está conseguindo, nos últimos anos, grandes avances na visibilidade deste produto