
VISIÓN DE FUTURO
Descoñecemento por parte do consumidor, falta de lexislación, problemas ambientais... Moitos son os problemas que dificultan a estabilidade do hidromel no mundo, pero o traballo dos productores e das distintas asociacións está conseguindo, nos últimos anos, grandes avances na visibilidade deste produto.
Ao final deste bloque podes contarnos as túas impresións sobre o hidromel
Segundo un estudo de 2018, o mercado do hidromel mantivo un crecemento relativamente optimista nos últimos catro anos. En 2018 tiña un valor de 408.45 millóns de dólares e espérase que entre 2019 e 2025 teña unha taxa de crecemento anual do 10.41%.
Nos últimos anos aumentou o número de produtores de hidromel, sobre todo en países desenvolvidos, así coma o seu consumo. O mercado máis potente de hidromel a nivel mundial en 2018 foi o europeo, e de aquí a 2025 agárdase que Europa, África e Orienta Medio sexan os principais contribuíntes ao mercado. O mercado norteamericano tamén terá un crecemento máis rápido.
Pero noutras partes do mundo hai mercados que aínda están espertando e o seu crecemento será moi rápido dentro duns anos. Son: Asia-Pacífico (que inclúe Asia Oriental, o Sudeste Asiático e Oceanía) e Oriente Medio. Todo apunta a que se converterán nos principais motores de hidromel a nivel mundial. O hidromel estase dando a coñecer nesas áreas e ao non haber competencia teñen un enorme potencial para expandirse. De feito, moitos están apostando polos mercados de India e China.
O tipo de hidromel máis consumido é o de froitas, seguido do de especias, ocupando un 55% do mercado. Espérase que nos próximos anos aumente debido ás propiedades curativas (dise que axuda no colesterol e a previr enfermidades cardiovasculares).
O aumento das vendas online é outras das tendencias clave que contribuirán ao crecemento do mercado nos próximos anos. Tendo en conta o estilo de vida dos consumidores, sobre todo nas cidades, prodúcese que estas lideran a mellora das vendas en liña de bebidas alcólicas, como o hidromel. No seguinte mapa interactivo preséntase un resumo da produción do hidromel nos diferentes países do mundo.
Nos países nórdicos, así como nos países do este, hai unha maior presenza do hidromel (aínda sen ser unha bebida moi común). Con todo, nos últimos anos foubo un descenso de produtoras de hidromel nos países escandinavos, mentres que ao outro lado do charco, en EEUU, a produción aumentou moito.
Si que é certo, como se veu no apartado de historia (link), que os países nórdicos tiveron historicamente unha maior relación con esta bebida, o que fixo que na actualidade tamén teña máis presenza. A nivel europeo, os países cunha maior presenza de hidromel son Polonia e República Checa, así como os seus países veciños, como Biolorrusia, Ucraína ou Rusia, onde hai museos adicados ao hidromel, ferias e congresos. De feito, desde 2018, comezouse a facer un congreso internacional sobre o hidromel, e a sede é en Polonia.
En dito congreso expúxose en 2019 a evolución das empresas de hidromel desde o 1900 ata o 2018. Dita análise foi feita por Vicky Rowe, fundadora de GotMead, e a diretora executiva da asociación de hidromel de Estados Unidos.
Préme no país que queiras coñecer
En Galicia, ao igual que no resto de España, o hidromel é un produto con moito potencial e unha grande capacidade de expansión. No resto do mundo está en auxe e os estudos din que van seguir en aumento moitos anos máis. En palabras da Asociación Americana de Hidromel, o hidromel está tendo a mesma expansión que a cervexa artesá hai 15 ou 10 anos.
O mel, un dos produtos básicos para fabricar o hidromel, é un produto con moita rodada en Galicia. Trátase dun mel de excelente calidade, contando co selo de Mel de Galicia coma produco de Indicación Xeográfica Protexida. De feito, o mel galego expórtase a todo o mundo, especialmente a Alemaña, onde a usan para mesturala con outras de menor calidade.
Aínda que o hidromel non podería contar co selo de Mel de Galicia , si podería indicar que está feito con este tipo de mel. Iso demostraría que é de calidade e sería un incentivo para compralo. Ademais, podería ser unha forma de diversificar en materia de produtos derivados do mel, dado que nos últimos anos non está pasando por un bo momento de producción debido á crise climática ou ás enfermidades das abellas como a varroa.
E o hidromel tamén pode servir para diversificar as aldeas. Trátase dunha forma de crear produtos únicos de alta calidade. Ademais, nalgunhas partes do mundo como en Arxentina, ou en zonas de España como en León, están creando empresas de hidromel no rural como unha forma de atraer xente nova e repoboar as zonas rurais.
Pero malia que o hidromel atopa o seu oco na nosa comunidade pouco a pouco, é certo que actualmente seguen a existir moitas barreiras.
A nivel xeral, falta documentación e información sobre o produto. Non hai estudos sobre as súa potencialidade comercial e apenas hai rexistros dos seus datos de produción. As poucas fontes que informan sobre as posibilidades de crecemento que podería ter nos próximos anos proveñen de organismos estranxeiros como a American Mead Makers.
Na nosa lingua e en español é moi difícil atopar recursos sobre a hidromel, tanto da súa historia como da súa elaboración, produción e distribución. É menester facer unha busca en páxinas en inglés para comezar a adentrarse neste mundo.
En consecuencia, as carencias en materia de documentación contribúen ao descoñecemento xeral do hidromel. Isto explica a inexistencia de lexislación que regule o hidromel, que dificulta que novos produtores se atravan a dar o paso á comercialización. Cumpriría revisar tamén as relacións entre o mercado do mel e do hidromel. As fluctuacións de prezo do mel afectan directamente aos custes do hidromel por ser a súa principal materia prima; unha reglamentación que atenda estas oscilacións sería unha axuda aos fabricantes.
Hai distintas ameazas ás que se enfrontan as abellas e os apicultores no periplo da produción de mel. Un dos maiores problemas é a climatoloxía. Dende a I.X.P Mel de Galicia relatan que os últimos anos o tempo non axuda á produción; a choiva excesiva fai que as abellas non poidan saír a polinizar, e o desenvolvemento das colmeas pérdese, porque teñen que consumir esas reservas que estiveron producindo para poder sobrevivir.
Pola contra, as sequías do verán fan que as flores, para preservar a auga, non produzan tanto néctar, e, en consecuencia, as abellas non poden recolectalo nin producir tanto mel. Estas condicións climatolóxicas empeoraron e seguirán empeorando por culpa do cambio climático. En Galicia a contaminación non é tanta como noutros lugares do mundo, pero os cambios bruscos na meteoroloxía poden facer que a produción de mel sexa menos prolífica co paso do tempo.
Outra ameaza é o abandono do campo. As producións de mel galegas están cambiando xusto por este factor; ao marchar destes territorios, aumenta a floración e crecen plantas coma as silvas. O óptimo sería un maior coidado dos montes: que plantasen soutos de carballos e castiñeiros, autóctonos de aquí, manter ao gando nestes terreos e coidalos para aumentar o florecemento dos brezos.
Un dos grandes perigos aos que se enfrontan os apicultores é ao ácaro varroa destructor. A varroa é un parásito das abellas melíferas que infesta as súas colmeas e as destrúe. Hai que tratar cada ano ás colmeas contra este ácaro para evitar que morran. Unha vez realizado este tratamento, xa non queda nada deste parásito dentro dos panais; só quedaría a cámara de cría, onde están as abellas.
A vespa velutina é unha das ameazas máis sonadas, pero dende a I.X.P. Mel de Galicia clarifican sobre o dano que esta provoca. A presenza das velutinas non inflúe tanto na produción de mel. Estas aparecen en torno a agosto-setembro, e para entón a maioría do mel xa está elaborado.
Principalmente, ao que afecta é á preparación das colmeas (por parte das abellas) para a invernada. Se as abellas teñen reservas e boas defensas - as abellas soldado -, o enxame estará ben defendido. En caso de que lles falten reservas, estarán máis débiles, e as velutinas aproveitarán para atacar. Ademáis, en inverno as abellas non poden saír a buscar néctar nin pole; se non teñen provisións, as máis avellentadas da colmea morrerán, e a abella raíña non poderá poñer ovos.
Con todo, o mundo do hidromel é un nicho de mercado por explotar, con moitas posibilidades e potencial.
Como aínda é un campo en crecemento, incluso os propios produtores de hidromel animan a que se inicien novos negocios. Non hai un clima de rivalidade, senón de competencia sá. Dende Fenrir engaden que o feito de que un hidromel dunha marca non guste non significa que outras marcas non poidan triunfar. É un produto tan heteroxéneo como para que unha marca atope clientela onde outra fracasou, e viceversa.
Según confirma a Asociación Española de Hidromel (AESHI), non é necesario ningún tipo de permiso para producila na casa, para autoconsumo, e non é difícil de facer. Dispoñendo dos ingredientes necesarios (auga, mel e levadura) pode elaborarse sen necesitar ferramentas nin materiais complicados. A situación é máis complicada cando se quere fundar unha empresa e vender hidromel ao público, xa que para buscar o sabor perfecto hai que investigar e documentarse, e hai que pasar trámites burocráticos.
Ademáis, un dos detonantes do éxito e da demanda do hidromel foron series como Juego de Tronos ou Vikingos. A partir de aí, hai persoas que comezaron a interesarse por esta bebida, e aumentaron moito as vendas en eventos como son as feiras medievais. Dende Meiga contan que a xente llela pedira na Feira Franca de Pontevedra. A aqueles a quen lles interese o mundo da fantasía épica e as mitoloxías poden atopar un nicho axustado aos seus intereses.
Pola contra, non todas as marcas se axustan a esta imaxe conservadora. Se alguén está interesado polo hidromel pero non é partidario destes conceptos, pode seguir o exemplo de marcas como Gurung, produtores de hidromel cuxo concepto e estética difire do dun brebaxe fantástico. Eles ofrecen un aperitivo, de aspecto moderno, creado a partir de mel galego.
Entón, é un nicho que ten moito potencial de crecemento, e que non se axusta a un só tipo de consumidor; dende os máis tradicionais aos máis innovadores, un campo que se oferta dispoñible para todo aquel que queira invertir nesta bebida milenaria.
Imaxe interactiva. Ubicacións de produtores de hidromel en Galicia
Infografía. Fai hidromel na casa
QUERES CONTINUAR?
Selecciona o seguinte bloque ao que queres ir
Visión de Futuro
Descoñecemento por parte do consumidor, falta de lexislación, problemas ambientais... Moitos son os problemas que dificultan a estabilidade do hidromel no mundo, pero o traballo dos productores e das distintas asociacións está conseguindo, nos últimos anos, grandes avances na visibilidade deste produto